PRIMEIRO OS SERVIZOS SOCIAIS NO CONCELLO, AGORA A PASARELA... SEGUIMOS TRABALLANDO.

A perseveranza e o traballo teñen froito

Pasarela Colexio
Pasarela CEIP Sigüeiro

No pleno extraordinario celebrado o pasado 23 de febreiro aprobouse o POS que recolle entre outras obras a pasarela entre o CEIP de Sigüeiro e o Pavillón Juanito Amigo, solicitude histórica do BNG de Oroso, á que ao fin vemos logro.

Non esquecemos, e seguiremos pelexando, o peche da pista polideportiva do CEIP do Camiño Inglés.

A perseveranza e o traballo teñen froito

Xa en orzamentos anteriores condicionaramos o noso apoio á que neste ano se orzamentara esta pasarela e ao final lográmolo, xa a temos aquí.

A máis desta pasarela no pleno aprobouse unha redución da débeda de 48.597€.

A partida económica de Oroso ascende a 743.404,14 euros máis os 154.512,23 euros correspondentes ao Plan Complementario. 

Investiranse 328.659,25 euros nun proxecto de mellora da rede viaria nos lugares de Piñeiro e a Costa – Zan (Trasmonte), Valverde-Berdomás (Vilarromarís), Piñeirón-Porto Avieira, Piñeirón-A Falmega, Rúa Celso Emilio Ferreiro e A Igrexa-Porto Avieira (A Gándara) e Mixoi-Castiñeiro Redondo (Calvente).

Tamén destinaranse 164.512,23 euros do Plan Complementario da Deputación á mellora da rede viaria nos lugares de Oroso de Abaixo (A Gándara) e A Igrexa (Deixebre).

169.481,07 euros na reurbanización da rúa Tras da Torre, onde se substituirá a rede de sumidoiros existente por unha nova rede de recollida de augas pluviais e residuais, así como a canalización soterrada das instalacións de alumeado público e telefonía e a renovación da pavimentación.

Urbanizarase tamén a rúa Camiño do Refuxio, cun investimento de 125.768,04 euros. Neste caso vaise adecentar a calzada desta rúa e, para facilitar o tránsito dos peóns, construiranse unhas beirarrúas de aglomerado asfáltico. A maiores executarase unha rede de saneamento de pluviais e outra de alumeado público, así como a canalización soterrada das redes de electricidade e telecomunicacións.

O terceiro proxecto de reurbanización é a execución de beirarrúas na rúa do Barreiro, que contará cun orzamento de 70.299,63 euros. Unhas beirarrúas de aproximadamente 105 metros, na marxe dereita, e 50 metros, na marxe esquerda. Ademais, o proxecto inclúe a ampliación da zona de rodadura da calzada.

A perseveranza e o traballo teñen froito