DENDE O ANO 2007 FOI CONCELLEIRO E PORTAVOZ DO BNG NO CONCELLO DE OROSO
EMOTIVA HOMENAXE DO BNG OROSO A XOSÉ MANUEL PÉREZ PENAS
O pasado venres 1 de xuño, a Asemblea Local do BNG de Oroso organizou un acto de homenaxe, ao seu concelleiro Xosé Manuel Pérez Penas, o cal renunciou a súa acta de concelleiro no ultimo pleno celebrado o 30 de maio
Nun concorrido acto por sorpresa, os asistentes quixeron recoñecer o labor que durante estes anos viu realizando a prol da veciñanza de Oroso. Marga Mejuto, en nome dos membros da Asemblea, achegou o perfil máis intimo e emotivo dese labor, sinalando o seu compromiso e dedicación durante todos estes anos. O seu sucesor como concelleiro, Diego Boquete, remarcou a coherencia e responsabilidade no seu labor político, no que sempre antepuxo e loitou polo ben común. Dende a executiva comarcal e nacional, Elvira Cienfuegos e Nestor Rego, agradeceron a disposición en todo momento de Xosé Manuel Pérez, dun proxecto social como é o do BNG. As intervencións pecháronse coa participación a través dun vídeo da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, a cal recalcou o seu entusiasmo e valía, pero sobre todo “que é unha persoa de palabra”.
Durante a homenaxe, Xosé Manuel Pérez puxo en valor o traballo realizado durante os máis de once anos que estivo representando ao BNG de Oroso no Concello. Subliñou, que a verdadeira motivación durante estes anos partiu da convicción de querer contribuír en todo momento, a mellorar a vida da xente. Durante o período de 2007 a 2011, no que foi Tenente de Alcalde do Concello de Oroso, coa responsabilidade no Goberno de Vías e Obras, Servizos Básicos e Persoal Laboral, leváronse a cabo importantes actuacións como foron a concentración parcelaria, obras de saneamento e canalización de auga para todas, reforzo do subministro eléctrico nos polígonos industriais, etc Do mesmo xeito, durante os anos posteriores levouse a cabo unha oposición construtiva, onde se antepuxeron por riba de todo ás prioridades demandadas polos veciños, como foi a pasarela cuberta do CEIP Oroso ou o peche do polideportivo do CEIP Camiño Inglés. Xose Manuel Pérez agradeceu o apoio e colaboración dos seus compañeiros da Asemblea Local, animando a continuar nesa liña de traballo dende a colaboración e cercania coa veciñanza