UNHA LISTA QUE NACE DO GRAN TRABALLO REALIZADO POLO BNG NOS ÚLTIMOS ANOS

O BNG de Oroso presenta os catro primeiros postos da súa candidatura para as próximas municipais

202207Candidatura02
Diego, Isabel, Marga e Agutín
A asemblea do BNG de Oroso aprobou os catro primeiros postos da candidatura para as próximas municipais, candidatura na que se mostra o apoio da asemblea ao gran traballo feito tanto no goberno do Concello de Oroso pola concelleira Isabel Fernández, como ao fronte da asemblea pola responsábel local, Marga Mejuto.
O BNG de Oroso presenta os catro primeiros postos da súa candidatura para as próximas municipais

Encabeza a nosa lista, como non podía ser doutro xeito, a actual concelleira de Mulleres, Ensino, Benestar Social e Normalización Lingüística, Isabel Fernández, que deu sobradas mostras do seu compromiso co noso concello no inxente labor que leva feito nestes difíciles anos: o seu traballo non buscou grandes titulares senón que unicamente procurou mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza, algo que foi conseguindo pouco a pouco.

A seguir figura outra muller, Margarita Mejuto, que ocupa o cargo de responsable local do BNG, pero que merece estar nesta candidatura polo seu traballo constante ao longo de moitos anos. Loitadora incansable na defensa dos dereitos das mulleres e da xustiza social, sen esquecer o seu amor polos animais e pola natureza, constitúe un piar fundamental do BNG de Oroso.

En terceiro lugar contamos con Agustín Raña, coñecido compañeiro e veciño que distribúe o seu tempo entre o seu oficio como perruqueiro e a súa paixón polo deporte. Un traballador autónomo que, como vén demostrando nestes últimos anos, sabe loitar polos dereitos dos/as compañeiros/as e non ten medo ao que dirán. 

Pecha estes primeiros postos Diego Boquete, docente e sindicalista, que xa sabe o que é traballar a prol de Oroso pois exerceu varios anos como concelleiro do BNG e coñece á perfección as problemáticas existentes. Un candidato comprometido e indispensable, acostumado a defender a quen o precisa e que achega experiencia, traballo e ilusión.

Seguimos a traballar en crear a mellor lista posíbel para que o soño dun Oroso mellor deixe de ser un soño e se converta nunha realidade.

Desde o BNG de Oroso esperamos contar co apoio da veciñanza para afianzar o traballo realizado e seguir aumentando na capacidade de influencia e traballo na coalición que gobernou Oroso nos últimos anos.

O BNG de Oroso presenta os catro primeiros postos da súa candidatura para as próximas municipais