#SUMANDOPOROROSO
A moción do BNG de Oroso pola gratuidade do tramo Sigüeiro-Santiago da AP9 aprobase por unanimidade.
A proposta do BNG de Oroso de gratuidade deste tramo axudaría a paliar o intenso tráfico ao seu paso por Sigüeiro.
No pleno deste 27 de setembro, o BNG de Oroso presentou unha moción, na que manifesta o seu rexeitamento á subida das peaxes da AP9, así como a gratuidade do tramo da autoestrada entre Sigüeiro e Santiago.
A subida das peaxes, que xa acada un prezo de 1,65€ para turismos e de ata 3,60€ para vehículos pesados neste tramo, está a repercutir na desviación do fluxo de transporte de mercadorías e vehículos pesados, incrementando o transito deste tipo de vehículos pola estrada N-550. Máis alo dos anuncios e promesas electoralistas, que se están a facer nos últimos días dende o Concello, sobre futuras rotondas e circunvalacións na N-550, a proposta do BNG de Oroso procura dunha maneira realista e sen sobrecustes, paliar en gran medida o efecto que o intenso tráfico ten na localidade de Sigüeiro.
O BNG de Oroso considera fundamental librar de peaxe este tramo de autoestrada ata Santiago. En palabras do concelleiro Diego Boquete, a gratuidade deste tramo suporía un elemento de dinamización económica, social e demográfica para o concello, e considera que a subida das peaxes esta tendo un impacto negativo e directo, non soamente no desenvolvemento do polígono industrial de Oroso, senón no conxunto da veciñanza do concello. A proposta foi aprobada por todos os grupos municipais.
Ademais o BNG de Oroso levou a pleno unha moción na que instaba ao Goberno español a iniciar de xeito inmediato accións legais contra a propiedade do Pazo de Meirás, de acordo co informe histórico-xurídico elaborado a instancia da Deputación Provincial da Coruña, así como amosar o apoio ás persoas que o pasado 30 de agosto de 2017 participaron nunha acción pacífica e simbólica de ocupación do Pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego. Dita moción tamén foi aprobada por unanimidade, incluíndo os votos do Partido Popular de Oroso.
Do mesmo xeito, achegou diferentes rogos e demandas da veciñanza sobre as deficiencias na iluminación no lugar de Bouzalonga, e conservación de viais en Porto Avieira. Tamén se fixo fincapé nas deficiencias nas obras de renovación dos baños do CEIP Sigüeiro, así como do mal estado de conservación das zonas de xogo deste centro como da Gardería Municipal da Ulloa.