#SUMANDO POR OROSO
O BNG DE OROSO LEVA A PLENO A DEMANDA DUNHA SENDA PEONIL EN BOUZALONGA (DEIXEBRE-OROSO)
O novo concelleiro do BNG de Oroso, Diego Boquete, levará ao pleno do próximo 26 de xullo, diferentes iniciativas froito das achegas e necesidades que nos fan chegar as nosas veciñas e veciños.
O BNG de Oroso presentará no próximo pleno diferentes preguntas acerca da execución da senda peonil entre Baxoia ata Bouzalonga, a cal a pesar de ser publicitada e prometida en diversas ocasións polo Alcalde dende o 2015, esta segue sen ser unha realidade a día de hoxe.
No traxecto entre Baxoia e Bouzalonga hai zonas sen case beiravías o que dificulta o transito de peóns entre estes dous puntos. Do mesmo xeito, existen diferentes puntos con escasa visibilidade e cunha iluminación deficiente, co risco que isto supón para a seguridade vial. Así, no próximo pleno que terá lugar o xoves 26 de xullo., ás 9:30 horas, o BNG de Oroso exporá a xusta a demanda da veciñanza de Bouzalonga, ao considerar que a execución desta obra melloraría substancialmente a seguridade viaria dunha zona moi transitada, non só polos veciños e veciñas do lugar, senón tamén polos peregrinos que fan o Camiño Inglés.
Do mesmo xeito, o novo concelleiro do BNG de Oroso, Diego Boquete, presentará diferentes preguntas sobre os prazos de execución da pasarela do CEIP de Sigüeiro, así como iniciativas a prol da mellora de viais en Porto Avieira, a gratuidade da AP9 no tramo entre Sigüeiro e Santiago ou melloras da páxina web dirixidas a promover unha maior participación e información da cidadanía da actividade do Concello.
Ademais, o BNG de Oroso presentará unha moción para declarar persoas non gratas no concello aos membros da Manada, condenados por ter sometido a unha moza de 18 anos a reiterados actos sexuais, por parte de todos eles, en contra da súa vontade e facendo uso da súa condición de superioridade: numérica, física e de idade, durante os Sanfermíns de 2016.