#SUMANDOPOROROSO
O BNG de Oroso segue a traballar a prol do ensino público
O BNG de Oroso presentará unha iniciativa promovendo a matriculación para forzar que se abran todas as liñas nos centros do Concello, e así poder reducir as ratios das clases, e dispoñer de máis recursos educativos para o alumnado.
Este xoves 25 de outubro, o BNG de Oroso celebrou no Centro Cultural Casas Nóvoa de Sigüeiro un acto informativo sobre a situación dos diferentes centros educativos no concello de Oroso. Na charla participou Diego Boquete, concelleiro do BNG no Concello de Oroso e Secretario Acción Sindical e Comunicación da CIG Ensino, Isabel Fernández, do BNG de Oroso e Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento de Galicia.
Fíxose un repaso polo papel do BNG de Oroso na consecución das diferentes dotacións educativas do Concello. Así, o concelleiro Diego Boquete incidiu sobre a participación histórica do BNG de Oroso en todas as plataformas e iniciativas levadas a cabo pola comunidade educativa, a prol da mellora da rede educativa do Concello, en cuestións como a consecución do IES de Oroso e o CEIPP do Camiño Inglés. Do mesmo xeito, abordou a urxente necesidade da creación do Consello Escolar Municipal, para coordinar o labor dos distintos centros e potenciar o seu crecemento. Neste senso, Diego Boquete adiantou que se está traballando nunha campaña de promoción para incrementar a matricula nos centros do Concello.
A promotora desta proposta, Isabel Fernández, solicitoulle ao concelleiro que presentase no próximo pleno dita iniciativa para que dende o Concello se promova o incremento de alumnado, de tal maneira que obrigue a abrir todas as liñas nos centros do Concello, e así poder reducir as ratios das clases, e dispoñer de máis recursos educativos para o alumnado.
Do mesmo xeito, Isabel Fernández revisou as demandas especificas que afectan aos nosos centros escolares, de maneira que se poidan poñer os medios necesarios para mellorar na dotación de persoal, infraestruturas, servizos e actividades, etc... Amosou a súa preocupación polo deterioro e falta de mantemento das infraestruturas do centro, poñendo como exemplo, a pésima renovación que se realizou nos baños do CEIPP Sigüeiro. Indicou que dende o BNG de Oroso séguese presionando para mellorar as condicións das infraestruturas e de dotación de profesorado para o axeitado desenvolvemento educativo dos nosos nenos e nenas.
A portavoz de Educación Olalla Rodil aproveitou para reclamar un ensino público, de calidade, laico e galego cunha fórmula moi clara para conseguilo: menos alumnado e máis persoal docente por aula e recursos económicos suficientes mudando o apoio que o PP presta ao ensino privado-concertado para enfocalo á educación pública.
“Un ensino de calidade precisa reducir as ratios de alumnado por aula e dotar aos centros de máis profesorado, un ensino máis inclusivo, capaz de combater o acoso, de prestar maior e mellor atención ao alumnado, -nomeadamente o que precisa de atención específica-, precisa reducir o número de estudantes por aula e aumentar o persoal docente”, argumentou Olalla Rodil.
Esta proposta require un mellor financiamento do ensino público, que ten soportado importantes recortes orzamentarios baixo o goberno do PP. Dende o BNG de Oroso reafirmamos novamente o noso compromiso cun ensino 100% público, galego e de calidade, amosando a nosa preocupación para que o Concello de Oroso dispoña dos mellores servizos a nivel educativo.