FRONTE AOS RECORTES DA XUNTA DE GALICIA EN EDUCACIÓN E AOS DISCURSOS OPORTUNISTAS E POPULISTAS, O BNG DE OROSO APOSTA POR UNHA XESTIÓN EFICAZ QUE PERMITE MELLORAR OS RECURSOS EDUCATIVOS PARA O ALUMNADO DO NOSO CONCELLO
A Concellería de Mulleres, Ensino e Servizos Sociais presenta un proxecto para o acondicionamento da aula da Baiuca do Centro Rural Agrupado de Oroso
A Concellería de Mulleres, Ensino e Servizos Sociais vén de solicitar unha subvención que permita o acondicionamento da aula da Baiuca, na parroquia de Senra, do CRA (Centro Rural Agrupado) de Oroso.
A promotora desta proposta, a concelleira Isabel Fernández, presentou o proxecto no marco do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, co obxectivo de traballar a prol duns servizos educativos de calidade no rural e, asemade, para aproveitar e recuperar as infraestruturas municipais.
As obras que se han de levar a cabo teñen por obxecto o acondicionamento de toda a envolvente de edificio, da cuberta e as carpinterías, dado que carecen de illamento térmico. Así, o proxecto contempla o illamento exterior das fachadas, a substitución das carpinterías exteriores, a renovación da tella cerámica e do taboleiro cerámico da cuberta, ademais da instalación dun sistema de calefacción mediante a colocación dunha caldeira de biomasa con radiadores de auga.
Por outra banda, actuarase tamén no interior: na planta baixa procederase a redistribución da zona de aseos e outros espazos para mellorar a súa accesibilidade; a primeira planta, na actualidade en desuso, acondicionarase para múltiples usos (sala de reunións e lectura, despacho, arquivo e almacéns).
Con esta importante obra preténdese unha salientable mellora nos servizos educativos do noso concello, finalidade que Isabel Fernández procurou sempre durante os anos que leva á fronte da Concellería. Entre outras actuacións levadas a cabo pola concelleira de ensino do BNG salienta a atención ás demandas dos nosos centros escolares, de maneira que se puxeron os medios necesarios para mellorar a dotación de persoal, as infraestruturas, os servizos e actividades, etc. amosando en todo momento a súa preocupación polo abandono por parte da Xunta de Galicia.
Esta proposta pon de manifesto a necesidade de financiamento para o ensino público, que ten soportado importantes recortes orzamentarios baixo o goberno do PP, en especial no relativo ás escolas no rural.
Dende o BNG de Oroso reafirmamos novamente o noso compromiso cun ensino 100% público, galego e de calidade, amosando a nosa preocupación para que o Concello de Oroso dispoña dos mellores servizos a nivel educativo.