COMPRA NO COMERCIO LOCAL, GALIZA SAIRÁ GAÑANDO
APOIO DO BNG DE OROSO AO COMERCIO LOCAL
O BNG de Oroso entregou aos comerciantes da Asociación Sigüeiro Vende un lote de pegatinas para os agasallos, co fin de apoiar o comercio local do noso concello e animar ao consumo de produtos galegos.
Con esta proposta queren tamén contribuír á normalización do uso de galego tamén nestas datas.
O BNG de Oroso considera que o comercio é un sector estratéxico para o noso concello. Neste senso, o noso concelleiro Diego Boquete xunto con Isabel Fernández, repartiron a través da Asociación de comerciantes Sigüeiro Vende, colantes en galego para os agasallos de nadal así como uns dípticos onde explican as súas propostas.
Segundo explicou o noso concelleiro Diego Boquete “Con esta campaña pretendemos defender o pequeno comercio galego, os produtos propios e a súa etiquetaxe en galego como maneira de dinamizar a economía do noso concello”.
Desde o BNG de Oroso salientamos a necesidade de fomentar a produción dos produtos de proximidade, así como a súa transformación e comercialización, de maneira que sexa un elemento de xeración de emprego para o noso concello. Segundo indicou Isabel Fernández “O comercio local ofrece produtos de gran calidade e unha atención moito máis cércana. O seu desenvolvemento conta cunha enorme potencialidade para permitir tamén fixar poboación na nosa comarca”.
Trátase tamén dunha aposta coherente en oposición ás políticas de implantación de grandes superficies e plataformas comerciais que están afogando os pequenos negocios.
Consideramos que apostar pola identidade, por produtos propios de calidade e polo emprego da nosa lingua é fundamental para conseguir reverter o actual consumismo acrítico e fomentar tamén un consumo responsable.