Galiza clama contra o saqueo ao pobo
Galiza viveu este xoves unha das maiores mobilizacións sociais da súa historia, con manifestacións multitudinarias -Vigo, 110.000 persoas; A Coruña, máis de 70.000- que revelan até que ponto o pobo galego se rebela contra o Recortazo.
As rúas de Galiza clamaron contra o saqueo ao pobo, en liña co chamado á rebelión social e á insumisión feito polo BNG desde que se produciu o rescate ao Estado español -en realidade, á súa banca privada- por parte da Unión Europea.
«Contra o goberno e contra o capital, folga, folga, folga xeral» foi sen dúbida a consigna máis coreada nas marchas.
«O Goberno Rajoy non está lexitimado para facer políticas non votadas pola xente e desde logo cometería un enorme erro se desouvir o clamor multitudinario destas manifestacións», avaliou na Coruña Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta.