O BNG impulsa unha campaña para incentivar a compra de produtos do país no pequeno comercio
Oroso, 19 de setembro de 2012.- O BNG presentou en rolda de prensa unha campaña de apoio ao pequeno comercio na comarca de Compostela.
Dende o BNG defendemos que a política comercial debe transitar polo camiño contrario ao trazado polo Goberno de Rajoy e secundado polo Goberno de Feijóo na Xunta de Galiza, apostando por adoptar medidas destinadas a robustecer o comercio tradicional e de proximidade, por fixar horarios que faciliten a conciliación familiar e laboral e, por último, por regular condicións de exercicio da actividade que garantan un equilibrio na oferta comercial, explicou o portavoz do grupo municipal do BNG de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz.
Na comparecencia de prensa estiveron o responsábel comarcal do BNG, Ignacio Louzao; Rubén Cela, de Santiago; Diego Boquete, de Oroso; Alberte Souto, de Ames; Beatriz Rei e Xoán Santaló, de Padrón; Felipe García Calvo, de Santa Comba e Manuel Anxo Fernández Baz, de Teo.
Segundo explicou Ignacio Louzao, o BNG, impulsa esta campaña de apoio ao comercio local, para incentivar a compra de produtos do país nos establecementos tradicionais, unha campaña que vai destinada tanto á cidadanía como a pequenas empresas e persoas emprendedoras que exercen un papel social e económico transcendental para diminuír o impacto da crise.
É importante resaltar, nun contexto de aguda crise como a actual, a contribución do pequeno comercio á creación de emprego estábel e ao seu impacto positivo na economía local, unha función na que destaca fronte aos formatos das grandes superficies comerciais, indicou Fernández Baz.
O BNG pretende implicar a toda a sociedade con esta iniciativa de apoio ao tecido produtivo e comercial local para contribuír á saída desta crise
Esta contribución é imprescindíbel polo seu papel na vertebración económica e social da comarca, pois o seu dinamismo e vitalidade é posíbel grazas ao mantemento da actividade do comercio tradicional e da hostalaría, engadiu.
O BNG considera o pequeno comercio un sector básico da economía galega, que precisa, na situación actual, dun apoio público decidido para garantir a súa viabilidade no futuro. A crise está a afectarlle dun xeito especialmente virulento, chegando incluso a acelerarse o peche de establecementos e a destrución de emprego no último ano.
Liberalización horarios e suba do IVE
Porén, as políticas aprobadas recentemente polo Goberno de Mariano Rajoy van na liña oposta a ese respaldo que o comercio tradicional merece, ao impulsar, entre outras moitas medidas negativas, a liberalización comercial, tanto na apertura de establecementos como nos horarios, favorecendo así os intereses das grandes distribuidoras e superficies comerciais.
Unha problemática que se une ás dificultades xeneradas pola suba do IVE e pola perda de poder adquisitivo dos traballadores e das traballadoras, entre outras cuestións que derivan en ineludíbeis trabas para o comercio ante a redución inducida do consumo. Unha situación crítica que se verá agravada na cidade de Santiago a partir do 2014 coa fin da renda antiga e a consecuente incidencia no pequeno comercio tradicional.
As políticas aprobadas polo Goberno de Rajoy e apoiadas por Feijóo, coa liberalización de horarios e das rebaixas, coa suba do IVE e coa supresión da paga extra, propician que se acelere a destrución do tecido comercial local
Ante estas medidas o Goberno Galego que dirixe Núñez Feijoo amosa unha actitude cómplice, sinalou Fernández Baz, Feijóo cuestiona, mais unha vez, a súa capacidade para facerlle fronte a un evidente atentado contra o tecido comercial e contra a lexislación galega, e evidencia o seu sometemento incondicional ás decisións que se tomen por parte do Goberno de Rajoy sen defender de maneira algunha o tecido económico galego.
Proposición non de Lei do BNG contra a liberalización comercial
Ante a actuación do Goberno central, e o desleixo de Feijóo, concretamente ante o Real-Decreto Lei que vén de avanzar na liberalización comercial, en xullo o BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza, demandando a implicación da Xunta no exercicio das súas competencias exclusivas en materia de comercio interior, e a interposición urxente dun recurso de inconstitucionalidade contra unha norma que significa un ataque máis á autonomía con todas as consecuencias que ten sobre o noso entramado comercial.
Pola súa parte, a concelleira do BNG de Padrón Beatriz Rei indicou que esta campaña se articula no plano institucional, con diversas iniciativas tanto no Parlamento galego como con mocións presentadas nos concellos, pero tamén na rúa, cun chamamento á sociedade para que a cidadanía se implique adquirindo produtos e consumindo no comercio, bares e restaurantes de cada localidade.
O BNG pretende, deste xeito, implicar a toda a sociedade con esta iniciativa de apoio ao tecido produtivo e comercial local para contribuír á saída desta crise, concluíu.