O BNG de Oroso logra que o Concello estude pagar a extra de Nadal

O BNG de Oroso logra que o Concello estude pagar a extra de Nadal

O concello de Oroso aprobou a moción do BNG na cal se solicita ao Concello que estude todas as formas posíbeis para pagar a extraordinaria de Nadal ás traballadoras e traballadores do Concello.

Como de todas e todos é sabido o BNG oponse a política errática de contra a clase traballadora dos gobernos do PP, tanto o estatal como o do noso país.

O último episodio desta errática política económica constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, que contén medidas destinadas á minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e os empregados públicos, á redución das prestacións por desemprego, á diminución do financiamento do sistema de axuda á dependencia, á liberalización comercial que provocará perdas ao comercio tradicional fronte ás grandes superficies comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE) na imposición asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas.

A aprobación de dita norma realizouse dun xeito impropio á relevancia do seu contido. Apenas unhas semanas após de terse publicado os orzamentos xerais do Estado, e cando a maior parte das administracións públicas xa afrontan os obxectivos e a planificación do exercicio seguinte, o presidente do Goberno do Estado anunciou as medidas, sen diálogo nin consenso previo, que son aprobadas só dous días despois, sen que tampouco as persoas, entidades representativas e mesmo administracións implicadas na súa execución poidan participar en dito proceso.

Unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado.

A nova redución retributiva ás empregadas e aos empregados públicos que se plasma no Real Decreto-Lei 20/2011 imponse dun xeito unilateral, malia que esa medida xa se ten ensaiado noutros momentos dentro de actuacións económicas contra a crise, e como resultado deu precisamente o contrario do que se perseguía. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras, entre elas as persoas que desenvolven o seu traballo no sector público, sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.

No caso concreto do noso concello, Oroso, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Tamén no ámbito local, agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico de Oroso.

se hai algunha maneira legal abonen parte ou a totalidade da paga extra aos traballadores e traballadoras municipais

Por iso, ante o escenario deseñado polo Goberno do Estado, inútil e errático á hora de recuperar e impulsar a economía como todos os indicadores económicos demostran, ineficaz para asegurar financiamento público e privado dadas as persistentes restricións no crédito, e pertinaz en aplicar reformas cuxo único e real obxectivo consiste en recortar dereitos económicos e sociais das maiorías sociais, é preciso adoptar un posicionamento político unívoco por parte desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos.

Por iso o BNG de Oroso solicita.

  1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.
  2. Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
  3. Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.

A máis desta importante medida o BNG levou ao pleno a petición de varios arranxos en rúas do Concello, neste caso, concretamente de Porto Avieira, comprometendo á equipa de goberno co seu inmediato arranxo.

Podedes ver as fotos dalgúns dos arranxos solicitados.

A máis destes temas O pleno municipal de Oroso aprobou por unanimidade unha bonificación do 95% da cota do imposto das construcións, instalacións e obras (ICIO) para as edificacións, instalacións ou obras adicadas á gandería, agropecuarias e do sector forestal produtivo (non transformación) que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal, en consonancia co que o BNG de Oroso falou fai poucos coa veciñanza sobre a defensa do rural.

Tamén se decidiu destinar os cartos que a deputación vai investir en Oroso dentro do Plan DTC 94, unha Deputación para todos, en re-urbanizar a rúa Xuncal e rematar a rúa do Portiño.

Continuáronse dando pasos cara a ter unha nova escola infantil no Concello (cedéronse os terreos) e aprobouse a emenda ao documento de aprobación provisional da modificación puntual número 1 do PXOM do Concello de Oroso na Barciela, para incluír os requirimentos da Xunta de Galicia.

Para rematar aprobáronse os festivos locais durante 2013 serán Santa Eufemia (16 de setembro) e San Roque (16 de agosto).