#SoberaníaGZ

#SoberaníaGZ

O BNG celebra mañá, xoves, 6 de decembro, un acto simbólico para manifestar que esta Constitución non nos representa e, polo tanto, dende o BNG se reivindica a soberanía de Galiza e, e nesta xornada non temos nada que celebrar.

Deste xeito, o Bloque Nacionalista Galego convocou para mañá ás 11.30 horas un acto na Alameda de Santiago de Compostela no que o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, fará unha intervención na que porá de manifesto a necesidade de reivindicarmos nunha data como a de mañá a nosa soberanía como nación galega.

Será na escalinata de acceso ao campus sur que descende dende a Alameda e asistirán cargos orgánicos e institucionais, así como militantes, simpatizantes e galegos e galegas que queiran manifestar o seu apoio a esta iniciativa.

A partir dese momento, o BNG realiza unha experiencia novidosa na Internet consistente nunha manifestación virtual na que se trata de expresar nas redes sociais con distintas ferramentas esa mesma idea: reivindicamos a nosa soberanía, esta Constitución non nos representa, nesta xornada non celebramos nada.

Deste xeito, a través das distintas redes sociais, todas aquelas persoas que queiran participar nesta manifestación utilizarán diversos formatos (escritos, gráficos, audiovisuais, etc) para manifestaren a mesma idea.

Nesta manifestación empregarase o hashtag #soberaniaGZ e xa se ten creado tamén un evento en facebook con este motivo.