#SUMANDOPOROROSO

O BNG de Oroso solicita a gratuidade do tramo Sigüeiro-Santiago da AP9

AP9 GALEGA E SEN PEAXES
AP9 GALEGA E SEN PEAXES

O BNG de Oroso presenta unha moción en contra da subida das peaxes na AP-9 e para solicitar a gratuidade do tramo da autoestrada Santiago-Sigüeiro-Santiago.

O BNG de Oroso solicita a gratuidade do tramo Sigüeiro-Santiago da AP9

O BNG de Oroso, a través do seu concelleiro Diego Boquete, ven de presentar unha moción para o seu debate no próximo pleno municipal, na que manifesta o seu rexeitamento á subida das peaxes da AP9. Desta maneira, instase á Xunta de Galicia a que demande a supresión destas subidas, así como que cumpra os acordos do Parlamento galego e demande do Goberno do Estado a transferencia da AP-9 á administración galega. Compre lembrar que as subidas das peaxes veñen motivadas, a maiores da subida decretada polo goberno do Estado, para pagar a ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago así como para que Audasa recupere o importe dos descontos dos tramos Vigo-Pontevedra.

Ademais, neste momento, o tramo Santiago-Sigüeiro-Santiago xa acada un prezo de 1,65€ para turismos e de ata 3,60€ para vehículos pesados, polo que na moción ínstase ao Ministerio de Fomento a decretar a gratuidade do tramo da autoestrada Santiago-Sigüeiro-Santiago.

ap9_6

O BNG de Oroso considera fundamental librar de peaxe este tramo de autoestrada ata Santiago. En palabras do concelleiro Diego Boquete, a gratuidade deste tramo suporía un elemento de dinamización económica, social e demográfica para o concello, e considera que a subida das peaxes esta tendo un impacto negativo e directo, non soamente no desenvolvemento do polígono industrial de Oroso, senón no conxunto da veciñanza do concello. Do mesmo xeito, a subida das peaxes repercutirá na desviación do fluxo de transporte de mercadorías e vehículos pesados, incrementando o transito deste tipo de vehículos pola estrada N-550. Así, a proposta do BNG de Oroso procura paliar en gran medida o efecto que o intenso tráfico ten na localidade de Sigüeiro. O BNG de Oroso espera que o resto de grupos municipais de sumen a súa iniciativa, e que de maneira unánime apoien a súa proposta.