Adianto Eleitoral: O BNG está preparado para liderar o cambio que Galiza precisa

Adianto Eleitoral: O BNG está preparado para liderar o cambio que Galiza precisa

20120828-000751.jpgO candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, afirma que o adianto das eleccións galegas anunciado hoxe por Feijoo para o 21 de outubro “venlle ditado por Rajoy”. Jorquera congratúlase deste adianto porque “estamos ante un goberno esgotado e o BNG está preparado para liderar o cambio que Galiza precisa”.

Tras coñecer o anuncio, Francisco Jorquera advertiu esta mañá en rolda de prensa de que “as eleccións autonómicas en Galiza non as convoca o señor Feijoo, convócaas o señor Patxi López e o señor Mariano Rajoy”.

Neste sentido, lembrou que “Feijoo manifestou a súa vontade en varias ocasións de esgotar a lexislatura; é máis, tiña dado claros pasos nese sentido, como intentar reformar a lei eleitoral antes de esgotar a lexislatura, impulsar a comisión de investigación das caixas, ou como habilitar o mes de agosto a efectos parlamentares”.

“Feijoo compórtase como o delegado do Goberno central en Galiza”

Polo tanto, o candidato do BNG á presidencia da Xunta concluíu que “a convocatoria de eleccións anticipadas ao señor Feijoo venlle ditada e é un novo exemplo da súa submisión aos ditados do Goberno Central”. Así, lamentou que “o señor Feijoo dende que Mariano Rajoy accedeu á presidencia do Goberno Central, compórtase como o delegado do Goberno Central en Galiza”.

“E o seu último acto -a convocatoria de eleccións anticipadas- é o propio dun delegado do Goberno Central en Galiza, un novo exemplo da súa submisión a Rajoy”.

“Non estamos ante un adianto técnico: estamos ante un adianto político”

Ademais, Francisco Jorquera salientou que “é evidente que ao PP a nivel de Estado interésalle adiantar as eleccións autonómicas para despexar canto antes o calendario das eleccións vindeiras e así poder seguir aplicando a nivel de Estado unha política de recortes duros”.

Polo tanto, advertiu de que “non estamos ante un adianto técnico, estamos ante un adianto político porque as circunstancias en Galiza e Euskadi son totalmente diferentes”.

“A convocatoria de eleccións anticipadas constata que o Goberno de Feijoo está esgotado”

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, tamén puxo de manifesto que “o anuncio de adianto é unha nova constatación da incapacidade manifesta do goberno do señor Feijoo para facer fronte á situación que está padecendo Galiza”.

Neste sentido, asegurou que “o señor Feijoo e o seu goberno representan un goberno cun proxecto totalmente esgotado e o peor goberno que Galiza tivo na súa historia”.

O BNG comprométese a transformar o descontento social no cambio que Galiza precisa

Francisco Jorquera afirmou que “o BNG congratúlase de que se adianten as eleccións porque Galiza precisa un cambio de políticas, precisamos de políticas que planten cara aos recortes, que aposten por outro modelo, que aposten por unha saída social á crise e que defendan a democracia e o autogoberno fronte á recentralización do Estado que estamos vivindo e á degradación da democracia polo feito de que as políticas veñan impostas polos grandes poderes económicas”.

Ante esta situación, Jorquera salientou que “o BNG está totalmente preparado para facer posíbel ese cambio de políticas, porque somos o referente da Galiza que se move, da Galiza que reclama outra orientación nas políticas públicas, somos o referente da sociedade que reclama políticas alternativas para saír da crise”.

“Por iso -concluíu-, estamos totalmente comprometidos en transformar o descontento social que están provocando as políticas do PP nesta alternativa de cambio que o BNG representa”.