2. Diego Boquete Sánchez

2. Diego Boquete Sánchez

Diego Boquete SánchezNacín, no ano 1971, en Vista Alegre (Compostela), e alí vivín até os 26 anos, neses anos estudei maxisterio, despois dun intento baldío na Facultade de Físicas. Tamén comecei o curso ponte cara Bioloxía, pero deixeino para montar unha academia de ensinanza en Oroso: Tambre Academia, empresa que fixo que tomara a decisión de vir vivir a Sigüeiro, cousa que fago desde o ano 1997.

Pechei a academia cando comecei a traballar asiduamente como mestre interino da Xunta de Galiza, aprobando anos máis tarde a oposición.

Na actualidade desempeñaría a miña labor docente no CEIP Campomaior de Ordes, pero non o fago posto que estou traballando na CIG Ensino.

Aposto e milito no BNG de Oroso desde fai anos porque é a única organización política que defendeu e defende (desde as institucións e na rúa) os servizos públicos, o ensino e a sanidade. Mais tamén porque defende a nosa cultura e a nosa lingua, que é na que quero que os meus fillos teñan dereito a vivir.

Sempre tiven claro a miña vocación política, aínda que agora sexa unha vocación mal vista.

Máis non todo é BNG ou CIG, estiven no nacemento da ANPA da Escola Infantil da Ulloa, en varias directivas da ANPA A Nosa Escola (CEIP Sigüeiro), na ANPA A Tosca (IES Oroso), membro da Asociación de Veciños Penateixa, axudando no que podo no Club de Xadrez Oroso e no Hockey Club Raxoi, en definitiva traballando para deixarlles aos meus fillos un Oroso e unha Galiza mellor, e se pode ser, independente.

Alí onde o BNG goberna converteu os concellos en lugares para vivir as persoas, como fixo cando participou do goberno de Oroso, dotando a todas as parroquias de auga e sumidoiros, así como construíndo varios centros sociais e traballando activamente con outras administracións para mellorar a vida da nosa veciñanza.

O BNG é, ademais, garantía de ética política e de compromiso inquebrantábel cos dereitos das galegas e galegos como persoas e como pobo, independentemente do concello no que vivamos, e estivo e estará sempre a carón de quen vemos eses dereitos vulnerados e padecemos as consecuencias dos recortes que nos impoñen para salvar aos bancos e o capital.

Por todo iso e porque son nacionalista e de esquerdas formo parte desta candidatura.

http://youtu.be/S2WAyaQFb8o